O Porto mostrou na Ro-Ro 2010 de Bremen a súa experiencia e potencialidade neste tipo de tráficos
[21/05/2010] Autoridade Portuaria
|
. TRÁTASE DO PRINCIPAL EVENTO EUROPEO RELACIONADO CON ESTA MODALIDADE DE TRANSPORTE E CELÉBRASE CON CARÁCTER BIENAL . A INTERMODALIDADE É UNHA DAS FIRMES APOSTAS DE FUTURO DA DÁRSENA
|
|
O Porto de Ferrol participou esta semana, coa colaboración do Igape, na feira Ro-Ro 2010 de Bremen (Alemaña), o evento europeo máis relevante dentro desta modalidade de transporte.
Durante o encontro, de carácter bienal, o Porto ferrolano mostrou as calidades das infraestruturas coas que conta para este tipo de tráfico. De feito Ferrol é unha das poucas dársenas españolas especializadas nos tráficos rodados para importación, na súa maioría, de produtos forestais procedentes do Báltico.
Na feira leváronse a cabo múltiples contactos con potenciais clientes e estreitaron relacións cos que operan actualmente en Ferrol co fin de afianzar esta actividade nun momento de dificultade económica global.
Entre as calidades nas que se reitera destacan valores como a situación xeográfica do porto e as boas conexións terrestres que a converten nunha terminal cun gran potencial, non só para os tráficos actuais, senón tamén para a oferta de novos servizos multimodais.
A diversificación de tráficos é un dos principais retos da APFSC dentro do seu obxectivo de dar servizo aos sectores produtivos da bisbarra. Por iso, o Porto está inmerso nunha estratexia de potenciación da súa intermodalidade apostando polo incremento dos tráficos Ro-ro. Entre os proxectos portuarios máis inminentes está a instalación dunha terceira rampla Ro-ro no Porto Interior.
·
|
|