O porto acolle unha exposición promovida por Proxecto Home para conmemorar o seu vinte aniversario en Galicia
[10/03/2010] Autoridade Portuaria
|
A Autoridade Portuaria enmarca esta acción dentro dos actos do centenario orientados a estreitar os lazos coa cidadanía
|
|
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao inaugurou esta tarde a IV exposición 'Arte e Solidariedade', promovida por Proxecto Home e na que 107 artistas galegos contemporáneos -pintores, escultores e fotógrafos- doan as súas obras para conmemorar o 20 aniversario da asociación de rehabilitación para drogodependentes.
A mostra, de carácter itinerante, enmárcase dentro dos actos organizados con motivo do Centenario da creación do Porto de Ferrol orientados a estreitar a relación coa cidadanía. Con esta colaboración con Proxecto Home, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, quere mostrar a súa solidariedade e afirmar o seu apoio ao importante labor realizado pola asociación.
A exposición, que se poderá admirar na Sala de Exposicións do Porto de Ferrol ata o 23 de marzo en horario de 17:00 a 20:00h, conta coas firmas máis representativas da arte galego contemporáneo e nela enxérgase ademais o respecto, o apoio e o aprecio do mundo da arte ao traballo que Proxecto Home Galicia vén realizando durante os últimos 20 anos.
O 75 por cento do recadado nesta exposición benéfica estará destinado ao financiamento dos diferentes programas de rehabilitación de drogodependentes que desenvolve Proxecto Home Galicia e algúns artistas doaron o importe da obra para a fundación.
Durante o acto de inauguración interviñeron Ramón Gómez, Director de Proxecto Home Galicia; a comisaria da exposición, Catedrática de Arte Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Marisa Sobrino; e, en representación do porto, Nicolás Veiga, Xefe da Área de Explotación da APFSC, que desculpou a ausencia do presidente, Anxo do Real, debido a unha cita ineludible en Madrid.
|
|