O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real, e o director do organismo, Emilio García, presentaron esta mañá as cifras máis significativas do exercicio 2009. O ano pasado, polos peiraos da Autoridade Portuaria, movéronse 12.251.141 toneladas, un -4,73% menos que no exercicio 2008, ano no que houbo unha especial demanda de produtos como o carbón e o gas. "O exercicio -comentou o presidente- foi satisfactorio tendo en conta o ámbito económico no que estamos inmersos, cun descenso no total do Sistema Portuario español, de case o 14% en novembro,". De feito, resaltou, "superamos en 6 puntos e medio a previsión do plan de empresa que fixaba un descenso do -11,21%, cun movemento de 11,4 millóns de toneladas,".
O Porto de Ferrol moveu un total de 7,16 millóns de t, un -3,97% menos que en 2008; mentres que San Cibrao rexistra un descenso de -5,79%, alcanzando os 5,09 millóns de t.
Os graneles líquidos son a mercadoría que mellor funcionou cun aumento do 7,96% (de 2,19 millóns de toneladas movidas en 2008 pasouse a 2,4 millóns). A pesar da diminución do tráfico de gas natural, o incremento nos movementos de fuel óleo fixo posible esta variación positiva.
Respecto aos graneles sólidos, a cifra movida nos portos xestionados pola Autoridade Portuaria é de 9,27 millóns de t, un -5,24% menos que en 2008. Este descenso estivo provocado pola diminución nas descargas de carbón e ferralla, se ben creceron os tráficos de pedra e grava.
En mercadoría xeral, a Autoridade Portuaria rexistrou en 2009 un descenso do -31,77% con respecto a 2008. Moveu 562.000 toneladas fronte a 820.099 t.
A madeira, o aceiro, o papel e os aeroxeradores sufriron unha caída pola crise actual, aínda que continúan sendo os activos importantes.
No Porto Interior, dentro do obxectivo de reactivar o movemento de mercadorías por ferrocarril, conseguiuse volver utilizar este medio de transporte eficiente e sostible con 13.984 t movidas durante 2009, tras ao redor de tres anos sen ter trens de carga.
No capítulo de investimentos, a APFSC investiu ao longo de 2009 a cantidade de 17,15 millóns de euros distribuídos do seguinte xeito: 14,05 millóns de euros no Porto Exterior (infraestrutura, equipamento e segunda fase); 2,1 millóns de euros no Porto Interior e 1 millón noutras actuacións e investimentos menores. É importante resaltar que as obras da segunda fase do peirao do Porto Exterior e as redes de servizos contan co cofinanciamento dos Fondos de Cohesión da Unión Europea.
Por último, respecto ás vendas, alcanzouse a cifra de 18 millóns de euros, un 2,7% máis que en 2008, unha cifra moi positiva que permite seguir avanzando e traballando duro en 2010, o que redundará en máis actividade e emprego para Ferrol.
O presidente destacou que os resultados "son froito do traballo conxunto da nosa Comunidade Portuaria, que se esforza en sacar adiante tráficos para a subministración e exportación dos sectores produtivos aos que se dá servizo, así como pola consecución de novos tráficos e actividades" e sinalou tamén a importancia do apoio da Xunta de Galicia a través, por exemplo, do IGAPE.