O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real, presentou o premio esta mañá na Sala de Exposicións do porto xunto a Pedro Taboada, coleccionista de arte ferrolano gran coñecedor dos pintores galegos e membro do xurado.
Del Real sinalou que "é o desexo da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que accións como esta fortalezan as relacións entre o porto, os cidadáns de Ferrol e a súa bisbarra, e sirvan ademais para relanzar esta sala de exposicións situada nun ámbito inmellorable". Incidiu o presidente en que con esta iniciativa "pretendemos abrir o porto á cidade, facer que todos os ferrolanos se sintan partícipes do gran momento que está a vivir e vai vivir o noso porto".
O certame está orientado a artistas e afeccionados á pintura de calquera idade e nacionalidade, e a temática dos cadros deberá ser mariña. As técnicas que se poderán utilizar son óleo, acrílico, acuarela e combinacións destas, e as obras deberán medir entre 45 x 45 cm e 90 x 90 cm. Ademais, terán que presentarse, no caso de óleos e acrílicos, enmarcadas por un listón de madeira.
O xurado, que estará integrado por personalidades relevantes da arte e a cultura de Galicia, dará a coñecer o seu fallo o 22 de xaneiro de 2010. Unha selección das mellores obras que opten ao premio serán exhibidas na Sala de Exposicións do porto ferrolano entre o 18 de decembro e o 4 de febreiro.
O prazo de recepción de obras será do 4 de novembro ao 11 de decembro, e deberán ser presentadas no Rexistro Xeral da Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao, os días laborables de 9 a 14:00h.